PÁTRIA
Todos sentimos a pátria, cantada en cada língua por millares de poetas e amada na mais confusa emozón do noso ser. Pero, que é ela? Como é ? Onde están os seus límites?
A pátria é o lar onde nascemos, o ámbito en que pasamos os nosos primeiros anos, e mais ou menos reducido ou amplo, segundo os nosos ollos alcanzaron ver. Para uns, é simplesmente unha aldeia; para outros, un município, para outros ainda, unha província. Remata alí onde comezan a se diferenciar as paisaxes nativas -a alta montaña para as xentes do val, a campina para os que nasceron nas serras. Porque nós homes, percebemos a nosa situazón no espazo moito antes de compreender a nosa situazón no espazo, moito antes de compreender a nosa situazón no tempo, a pátria constitui o noso primeiro encadramento no meio humano; marca a nosa posizón xeográfica no orbe e dá-nos sempre unha ideia formal: o relevo, a paisaxe, a fauna, o tipo de homes que viven connosco. Porque nela pasan-se os anos mais afetuosos da nosa vida, porque dá fundo ás nosas impresións conscientes, porque nela acontecen as nosas primeiras convivéncias familiares, é sempre -até a morte- inolvidável. A pátria anda nos nosos ollos, nos ollos do corpo, até o derradeiro instante da nosa existéncia. Non nos importan a sua bondade ou a sua beleza. Amamo-la porque é nosa e recordariamo-la contra a nosa própria vontade. Lembran sempre con emozón a sua terra natal, do mesmo modo os que nasceron no fundo musical dos vales suizos, como os que viron a luz primeira nos desertos africanos; o que nasceu entre as cupolas grazosas de Constantinopla, como o que balbuciou as suas primeiras palabras na pobre morada transmontana. Influi en nós profundamente, esencialmente, até o ponto en que o meio xeográfico determina as nosas vidas. Diriamos que non fai a nosa anatomia, pero, si, a nosa fisioloxia: modula a nosa voz, colora o noso cabelo, matiza a nosa pele... Os nosos ollos están mais ou menos fechados segundo os nosos primeiros anos correron entre os xeos fineses ou nas marxes do Mediterráneo; a nosa pele será mais ou menos áspera ou suave conforme na crianza que tiveramos habitado no alto do cordal andino, á beira do mar Cárpio ou na mole tibieza galaica.
Uns povos son diferentes doutros porque os seus países, as suas pátrias, son diferentes tamén, e non somente porque o clima axudou a constituí-los, senon porque através dos nosos sentidos moldou-se a nosa intelixéncia, «Nihil est in intellectus quod prius fuerit in sensu». Atrai-nos o alcool se vivemos en meios frios, domina-nos a preguiza se habitamos nos trópicos, e somos apaixonados, violentos, coléricos, nostálxicos, sentimentais, pacíficos, un pouco pola temperatura que nos criou e polas primeiras visións que nos deu a natureza.
A pátria é o noso mais inmediato vencello para coa humanidade, o primeiro anel dunha grande cadeia que nos prende ao correr dos séculos. Non nos é doado escoller pátria. Pero os nosos pais, si, poden escollé-la á capricho para nós, elixindo libremente o lar do noso nascimento e criazón, cousa que non ocorre coa nacionalidade. A pátria prende-nos asi cun amor meramente instintivo e enxendrado pola simple contemplazón. Se reacionasemos, tal vez preferisemos outras pátrias á nosa, pero estamos satisfeitos coa que nos coube, tal cal a vemos, sen pararnos a analisar nela nen a botánica da sua vexetazón, nen a xeoloxia do seu chan. Un home ao quen lle faltasen todos os sentidos seria incapaz de compreender a sua pátria, e lanzado para lonxe dela xamais sentiria a menos nostálxia, porque os seus ollos non poderian recordar a cor da terra nen a transparéncia do ceu, nen os seus ouvidos o polífono diálogo da paisaxe -o mermúrio do rio, o asubiar do vento no bosque, o gorxeio dos pasaros -nen o seu gosto aos manxares que primeiro comeu, nen o seu olfato ao aroma dos seus campos, nen o seu tacto ao complexo físico do seu primeiro ambiente. A pátria é forma, elemento sensual e por iso é compreendida ainda polo pervertido e polo desagrado, incapaces de perceber valores espirituais. De moitos homes sen etnia, desprovidos de toda significazón moral, estranos en todos os países, sen afecto para nada nen para ninguén, dicemos -son os «sen pátria» (apátridas). E con todo, dela recordan-se e , queiran ou non, están ligados a ela e, precisamente polo seu rebaixamento, é a pátria - sensazón física - a única que os situa no mundo, son valorizazóns intanxíveis, espirituais, metafísicas, que enchen o ámbito da pátria en longas proxezóns do pasado e do futuro.
NAZÓN
Mais dificil de compreender é a nazón. Para Renan e Jellinek é unha unidade espiritual: para Haurion, «un grupo de populazón unido a unha terra determinada, que convive en parentesco espiritual, e desenvolve un pensamento de unidade: para Manzini, «unha sociedade natural de homens, con língua própria, que aceitan unha comunidade de vida e senten unha consciéncia social»: para Burgess, «unha populazón dotada de unidade étnica, que habita un terreio dotado de unidade xeográfica»: para Durán i Ventosa, a sociedade natural e histórica «non pode depender na sua existéncia dun facto accidental, como é o recoñecimento do lugar que ocupa», e de facto, a Grécia, a Turquia e a Polónia, eran nazóns antes de seren recoñecidas estados, e os xudeus constituin unha das nacionalidades mais características, e andan espallados polo mundo, sen área xeográfica en que se refacer. Para Spengler, nazón equivale a «povo de cultura» e é, «como todo corpo vivente», de rica articulazón interna, e, «pola sua méra existéncia, unha espécie de orde».
Nazón é unha comunidade de xentes, que falan un mesmo idioma, visten-se de maneira análoga, senten o mesmo princípio relixioso, teñen os mesmos costumes e conviveron o mesmo pasado histórico. Ao conceito de nacionalidade é alleio o de soberania sobre o território, pois, como di moi ben Prat de la Riba, «o escravo romano era home, embora as leis do seu tempo só o recoñezan como unha cousa en maos doutro home, do home oficial, que as leis recoñecian, e a nazón era nazón ainda que as leis tivera-na suxeita a outra nazón mais privilexiada». Asi como a pátria surxe connosco, a Nazón é anterior á nosa existéncia e chega-nos pola lei da heranza. Aquela é meramente o «jus soli», e esta é o «jus sanguinis». É asi como a pátria é unha impresión física, a Nazón é un sentimento moral. O home e a Nazón - escreve Graça Aranha - a afirmazón do individualismo transcendente e o renascimento do espirito da nacionalidade, son as suas forzas que recompoñen o mundo nesta curva da história.
A nazón é unha entidade natural, un corpo vivo, que nasce, cresce e morre, sempre cunha vida secular. Cruza-se, procria-se, torna-se esteril, escraviza-se, liberta-se. Pode alcanzar alturas de heroica dignidade e cair en tremendos procesos de degradazón, e é sempre, sexa cal fora a sua situazón, unha posibilidade de Estado. Póde conviver nunha demarcazón xeográfica, ou estar dispersa e desagregada.
Vemos a pátria cando comezamos a perceber as formas que nos rodeian, e sentimos a nazón no noso primitivo estado de consciéncia, cando percebemos que hai unha certa solidadirade que nos liga a outros homes que falan, rezan, cantan e viven con nós. En moitos povos - nós, os galegos, por exemplo - os sentimentos de pátria e nacionalidade xuntan-se, mesturan-se, tornaron-se inseparáveis, polo culto aos mortos. Non nos importa morrer sendo onde e como morremos, e unha preocupazón domina-nos sempre que é a de sermos enterrados na nosa terra; as nosas cinzas, confundidas con ela, ligan-nos entón aos nosos antergos e ao elemento primário da nosa pátria. Espanta-nos a ideia de morrer enterrados en pais estrano, e consola-nos a esperanza de que o noso pobre corpo poida ser levado a dormir o soño enterno á sombra do noso lar. Na ofrenda da velliña, que vai derramar auga benta sobor o túmulo paterno, hai unha exaltazón do chan nativo e un tributo aos seus mortos. Ela, inculta, agarrada á sua aldeia como a hera ao tronco das árbores, presente que a sua terra ama-a apaixonadamente e sabe que se puide-se andar polo mundo afóra, o camiño chegaria a unha altura en que a sua língua non seria comprendida, en que Deus non seria visto como ela o vé, en que as leis e os costumes importarian-lle unha vida alleia á sua espontánea maneira de ser. Fixa instintivamente os límites da sua pátria e, sentimentalmente , os da sua nacionalidade. Mas onde remata exactamente a Nazón? Onde os elementos substantivos da existência son outros.
A nacionalidade prolonga-se através de dialectos dunha fala, de maneiras, de formas, de expresións diversas; dentro dela hai rexións, comarcas e províncias. Pero, no alongamento, chega-se a un límite no que as palabras non son diferentes pola sua fonética, senon pola sua morfoloxia; en que os traxes varian porque corresponden a outro clima; en que as danzas son outras, porque expresan outros temperamentos; en que a terra cultiva-se de maneira diferente e con productos exóticos, en que a paisaxe ten outra estrutura, no que noso corazón sente ánsias que xá non son compreendidas; no que as leis e os costumes contradicen os nosos hábitos e contorsen a nosa típica idiosincrasia... Nesas fronteiras acabou-se a nosa nacionalidade; daí en adiante pesa sobre nós a estraneza.
ESTADO
Asi como a pátria é unha apreciazón física e a Nazón un sentimento étnico-moral, o Estado é unha valorizazón xurídica. Habitualmente confunden-se Nazón e Estado, e até chega-se a vislumbrar no desexo de diferenciá-los, unha rixa vontade secesionista.
Acostuma-se a dicer que o Estado é a expresión xurídica de Nazón, a Nazón organizada, legalizada, herarquizada, en plena soberania dos seus destinos e con plena existéncia internacional. Para o mestre Gaston Jéze, contodo, o Estado póde existir sen recoñecimento oficial, «do mesmo xeito que unha crianza vive ainda que o seu nascimento non sexa recoñecido». Mais exacto, o mestre Le Fur asinala-lle un território a unha povoazón, e esixe-lle «unha atividade governamental». O mestre Jezé estaria certo se Nazón e Estado coincidisen, ou se se referise á Nazón. Nazón e Estado expresan solidaridade, pero na primeira estabelece-se chegando do pasado, e no segundo como unha vontade de futuro. A Pátria está fóra de nós, a Nazón en nós e o Estado sobre nós; os límites da Pátria son xeográficos, e os da Nazón étnicos, e os do Estado xurídicos; aqueles dependen da amplitude da nosa comprensión, estes da forza dos nosos sentimentos, e os do Estado do noso interese e da nosa necesidade.
A vontade, o interese, a necesidade, son as determinantes do Estado - forzas estranas ao poder da nosa sensibilidade, da nosa capacidade sentimental. A unión das famílias ligadas entre si por parentesco e semellanzas diversas, orixinou expontáneamente a Nazón, no entanto, o Estado foi criado de propósito, cando se sentiu a necesidade de viver en orde, de acomodar-se a unha forma de direito, de mandar e obedecer - cando se percebeu a posível incompatibilidade entre os nosos deveres e direitos e os direitos e deveres dos outros. A nosa vida zoolóxica liga-nos a unha pátria e a nosa personalidade humana vencella-nos independentemente da vontade, e de que nunca mais poderemos desligarmos; atinxida a maioridade, en direito, podemos escoller o Estado que mais nos conveña dacordo coa nosa vontade, porque o Estado herda-se, pero tamén gaña-se e perde-se, e é obxeto de renúncia. O alsaciano, por exemplo, polo seus idiomas, os seus costumes, a sua antropoloxia, pertence á nazón alemana, e agora é membro do estado francés, como antes de 1918 era do Estado Alemán; mañá o seu país pode ser conquistado pola Suiza e ele será suizo, ou pode tornar-se independente e entón será cidadán alsaciano. Un inglés, se asi lle convier, pode renunciar ao seu Estado - England - e tornar-se cidadán uruguaio - o que, impropriamente di-se nacionalizar-se. Un menino, fillo de xudeus austriacos, nascido en Albacete, será pola pátria castelán, pola nacionalidade xudeu e polo direito súbdito do Estado austriaco. A pátria existe no espazo, a nazón no tempo e o Estado na lei. Un dia, por necesidade ou por conveniéncia, os cidadáns portugueses, os españois e os franceses poderiamo-nos xuntar nun só Estado, pero as nosas nazóns, até asimilaren-se, seguirian vivendo distantes séculos e mais séculos, diferentes entre si, e tan rápidamente cando sexa a nosa potencialidade de conquista; nen depende de nós esmagar unha nacionalidade - que póde perviver através da escravitude mais tiránica - pero si, destruir un Estado tan logo canto rápida sexa a sua conquista.
Álvaro das Casas
Angústia do noso tempo, 1937