A nosa pátria precisa dun rexurdir cultural, artístico, social e político; isto acada-se co compromiso militante mais puro e nacionalista.
Galiza precisa neste intre un novo romanticismo, nascido de si mesma, da mao dos mais ilustres nosos. É a nosa tarefa a de agrupar a todos os elementos artísticos, musicais, tipográficos, gráficos, pitóricos, arquitetónicos, escultóricos e literários até construir un novo rexurdimento, un que trascenda dos alalás e muiñeiras, do costumismo e o popular, deixando paso a unha identidade sinfónica, disciplinada e, perante todo, romántica, idealista, nacionalista: en definitiva, galega.
Isto non é novo: moitos, con anterioridade, tentaron construir un espírito renovado para a nazón, mais non foi efectiva a obra ao carecer, tamén, dunha identidade política necesária, pois é imposíbel renovar o espírito dunha nazón sen contar coa defensa irrestrita da própria nazón da que se está a falar. Dende comezos do século pasado non temos na Galiza un espírito de loita adicado aos nosos devanceiros, á nosa terra e a nosa história. Hoxe ficamos nas portas dunha nova era. Estamos a construir o derradeiro movimento estético e de atitude revolucionária, pois, unha vez acadado, será a mais pura alegoria do noso povo, e se no derradeiro caso non fosen cultivados e recuperados os estilos deste novo rexurdimento, Galiza finaria dramáticamente, orfa de cultura, e caeria definitivamente no materialismo.
Para evitar esta situazón, nasce con nós un novo impulso pátrio. As bases deste novo rexurdimento son tres: aspirar á eternidade, a beleza, e o idealismo. Nós non temos só unha intenzón criativa, senón tamén agrupadora: queremos comulgar con todas as obras do romanticismo galego antigo, reagrupar as modalidades do seu arte e facer delas unha nova família estética que non faga mais que refletir o pensamento do noso nacionalismo romántico. Nasce un rexurdir, o noso, a academizazón do noso arte: o novo rexurdimento.
Para cultivar todas as artes, apresentamos todas as disciplinas estéticas e filosóficas, e ne-las mostramos a nosa perspetiva:
LITERATURA
A literatura, de todas as artes, é a mais importante, pois non reside nos sentidos, senón no espírito e a mente, facendo que a sua mensaxe e estilo sexa levada por todos os recunchos do ser. A literatura non é só unha cuestión estética, senón tamén unha declarazón de intenzóns.
A nosa literatura é a que fala, non dende a teorizazón, senón dende a percezón. A literatura do noso povo, do noso movimento, non é unha literatura expositiva, senón criativa: non fala de feitos, senón que os cria. Asi como en Cantares Gallegos, Rosalia cantava á soidade, ao baleiro, ao amor ou ao país, a nosa literatura tamén fala do espírito. O trazo mais relevante é (ademais da língua -galega- na que é escrita) que os temas a tratar son os do próprio ser. A nosa literatura trata os asuntos humanos e aquilo que conforma a sua contorna, como, por exemplo, os sentimentos, a épica, o fogar, as problemáticas sociais, os asuntos culturais,.. etcétera.
Dito doutro xeito, a nosa literatura centra-se no espírito do povo e trata os seus temas dende unha perspetiva idealista, nunca material, dando como froito obras como as de Pondal, nas que os piñeiros falan aos bardos da terra na que viven, ou a de Cabanillas, onde o povo galego, observado polas liñas da historia, cobra conciéncia do seu valor.
O obxetivo da nosa literatura non é outro que refletir a cosmovisión do noso povo, o que na Xermánia chamarían «volksgeist» ou «Spiorad Coitianta» na Irlanda. Este espírito fica presente na literatura romántica galega, ao se nutrir, esta, das referéncias ao país e as formas líricas primitivas xa presentes na Galiza nas suas formas musicais.
MÚSICA
Para falar dunha música galega que poida englobar-se dentro dun Novo Rexurdimento, temos que falar do romanticismo musical na Galiza.
Na segunda metade do século XIX os compositores galegos, seguindo a tradizón dos lieder alemáns e tomando os textos dos autores do Rexurdimento, construíron pequenas pezas para canto con acompañamento receberon dos diferentes denominazóns como melodia, cantiga, cantarela, balada ou romanza.
Un dos primeiros compositores en cultivar este xénero é Marcial del Adalid, con Cantares viejos y nuevos de Galicia, sobre poemas de Fanny Garrido, de temática popular, pátria ou migratória, próprios do Rexurdimento literário.
Musicalmente, este xénero recolle elementos entroncados diretamente coa tradizón galega como a sinxeleza dos contornos melódicos, a adaptazón do idioma galego e o uso de ritmos de división ou subdivisión ternária coma na composizón Afrixida, tamén de Marcial del Adalid, co ritmo galego caraterístico de 6/8 de tipo barcarola. Ademais de Adalid, destacan compositores como Canuto Berea, Juan Montes coa sua obra Negra Sombra ou Unha noite na eira do trigo, José Castro «Chané» con Os teus ollos e José Baldomir Rodríguez.
Dentro do xénero dramático destaca a ópera A Virxe do Cristal, baseada nun texto de Curros Enríquez e posta en música por Baldomir, e a zarzuela de Canuto Berea La luna de hiel.
Pola sua parte, o movimento orfeonístico (música coral) provocará unha clara intesificazón da criazón ao seu favor, especialmente valiosa nos casos de Pascual Veiga, Juan Montes, José Castro «Chané» ou José Baldomir. A produzón no só fora profana, senón tamén relixiosa como demostran as orazóns, gozos e cantarelas do nadal; aínda que destacaron, polo novidoso, as obras corais con vinculazóns ás melodias galegas como por exemplo a Alborada Galega de Pascual Veiga e a Alborada de Juan Montes. Mais é provável que unha das pezas corais que mais soa acadara no futuro fose o atual Hino Nacional con texto de Eduardo Pondal e musicado por Pascual Veiga.
O piano convertira-se tamén nun instrumento de referéncia, sendo obxeto das criazóns de compositores galegos, tanto para satisfacer as suas aspirazóns artísticas coma para cubrir a crecente demanda de toque lixeiro por parte da sociedade burguesa. Destacan Marcial del Adalid con obras como Improvisación fantástica, El último adiós e Sonata fantástica. Cara á segunda metade do século, a composizón musical entroncou coa tradizón musical nativa e coa demanda de pequenas pezas danzáveis. Neste senso destacan as danzas variadas como mazurcas ou valses compostas por Juan Montes ou La Alfonsina de Canuto Berea.
Na música de cámara destaca a Sonata gallega descritiva para cuarteto de corda de Juan Montes.
Por último, temos que falar da música de banda. As principais obras para estas instrumentazóns recollen ritmos tradicionas galegos como a muiñeira (La Alfonsina de Canuto Berea) transcrizóns de melodias galegas de Juan Montes como Lonxe d’a terriña, Doce sono ou Unha noite na eira do trigo.
Na música romántica galega, destacan tamén autores mais modernos e achegados aos nosos dias, como Andrés Gaos, que finaria en Buenos Aires, lonxe da terra, e serviria (a sua obra) para determinar á obra romántica da Galiza: que é a que, sendo musicolóxicamente romántica, reflita nos seus ritmos, escalas, atitudes e história, o ser tradicional da Galiza.
ARTES PLÁSTICAS
Nas artes plásticas galegas é axeitado falar de duas vertentes: as artes gráficas e as artes pictórico-escultóricas. As tres demarcadas dentro do «modernismo galego» o estilo construtivo nacional.
Das artes gráficas, só temos tres elementos autótones: a tipografía, a simboloxía e a ornamentazón.
A nosa tipografía é a reelaborazón da tipografía utilizada polos próprios editores do rexurdimento e antecesores. Na Galiza, Castelao, intentou impoñer un estilo de letra artificial, criado supostamente dende as inscrizóns nos túmulos e as marcas das canteiras, criando un alfabeto sen ligazón nengunha coa historia gráfica do país. A tipografía maiormente utilizada polos grafistas galegos é a mestura dos tipos góticos, vitorianos e modernistas, dando como resultado unha caligrafia própria que podemos ver nos carteis de presentazón de «Follas novas» («Rosalia de Castro») ou «Alborada gallega» (Pascual Veiga). Nós reeditamos esta tipografía e dixitalizamos a tipografía como «Novasfollas», proclamando-a como a tipografia deste novo rexurdimento, unha reedizón das letras do noso primeiro espertar.
Nos símbolos, distinguimos toda clase de figuras, motivos ou trazos próprios dos antigos calaicos, asi como de elaborazón medieval (fauna fantástica, trísqueles, suásticas miñotas, rosas hexafólias, etcétera).
Ao falar de ornamentazón todo é reducido aos patróns e nós celtas das citánias galaicas, recopilados en grande parte polo afecionado á historia prerromana Paco Boluda, así como ás formas modernistas, normalmente vexetais ou curvilíneas, presentes nos edificios e esculturas galegas de principios do século XX.
No campo pictorico-escultórico oaarte é máis precisa: Serafín Avendaño e Fernando Álvarez de Sotomayor teñen ás suas costas un repertório de obras paisaxísticas e costumistas idealizadas, mostra mais pura do espírito do povo galego.
Na escultura destaca Francisco Asorey, que recorda coas suas obras que a escultura galega é realista, de trazos semi-xeométricos e sempre en pedra.
ARQUITETURA
A arquitetura galega tentou, durante anos, ser a barroca: unha arquitetura lúgubre, cristiana e promovida polo franquismo que pretendia espallar o espírito castelanizante pola Galiza. Nós reclamamos como nosa a arquitetura modernista de Julio Galán, González Villar e compañia. O modernismo galego é a representazón dos valores tradicionais nas nosas urbes, sen estranxeirismo estrutural ou posmodernismo baleiro. O modernismo é, moi a pesar do seu nome, a representazón dunha nazón galega preparada para saír dos eidos e tomar a sua soberania nas ruas, de forma marcial, de forma libre.
O modernismo galego fai uso dos zócalos de pedra para evitar a aczón da humidade nos muros, das galerias tradicionais ou simuladas nas xanelas ou a ornamentazón vexetal, moitas veces facendo referéncia ás follas de carvallo ou a flor de toxo. Un bon exemplo de esta arquitetura é a casa do concello da Cruña, aínda que este modernismo existe por todo o território nacional como recordo do que somos.
CONCLUSIÓN:
Esta é a nosa arte: a agrupazón de todas as práticas estéticas do pasado, que nós reagrupamos baixo o nome dun Novo Rexurdimento. É hora de cultivar a nosa literatura, o noso deseño, defender a nosa arquitetura, escultura e pintura e representar a nosa música.
A arte é a alegoria do povo elevada a sua maior expresión de beleza: non esquezades que vós tamén tedes unha arte, e esta arte será a expresión estética de todo movimento que pretenda faceros rexurdir. Expresade o que sodes, románticos e nacionalistas, idealistas e namorados do futuro que merecemos sen esquecer o pasado que construiron os nosos devanceiros, e levade esta a vosa arte á mesma altura ca nosa loita: a nazón, a nosa pátria carnal.
Lucas P.S.