En 1933 tivo lugar un feito de importáncia capital na cultura do país. Un investigador alemao, Hans-Karl Schneider, escreveu un pormenorizado estudo socio-lingüístico en Lobeira. Parou en Facós e con Xoaquín Lorenzo redixiu a sua tese de doutoramento sobor a variante do idioma galego falado no Val do Límia. Este documento recuperado con moitas dificultades, é un tesouro e documenta o feito diferencial tanto lingüístico como xeográfico, antropolóxico ou mesmo espiritual.
OS PRECURSORES
Lobeira está xeograficamente inserida nunha área cuios límites podian ser o Alto do Vieiro, a Serra do Soajo, o Santuário da Peneda e o Val do Salas. Non é segredo nengún que reúne unhas características próprias moi orixinais e irrepetíveis, que a singularizan dun xeito notável.
Xa en 1797, dous biólogos alemaos, Heinrich Link e o seu axudante, o conde Hoffmansegg, percorren a periféria de Lobeira. De início, tentavan facer unha descrizón biolóxica da zona, mais fican surprendidos de contado polos costumes e as peculiaridades da zona. A fauna e a flora da serra do Xurés e Castro Laboreiro tiveron de pasar a ocupar un lugar secundário no seu libro de viaxes, perante un «modus vivendi» en que os alemaos detetan faíscas dunha civilizazón en estado culturalmente virxe.
En 1902, José Leite de Vasconcellos, pai da antropoloxia portuguesa moderna, adica-se a facer o mapa lingüístico do estado português. Cando percorre a raia ourensá, entrevista persoas dun e doutro lado da fronteira, e repara nun fenómeno surprendente. O egréxio antropólogo descobre nas falas da beira administrativamente portuguesa (Castro Laboreiro, Parada do Monte [non confundir coa freguesia homónima de Lobeira] e Melgaço) características netamente galegas e ren lusas. Paradoxalmente, nos seus artigos sobre Ferreiros de Entrimo e Lóbios, afirma que estamos no caso contrário; considera nun princípio que ten descuberto unha illa lingüística portuguesa. Logo a seguir reflicte sobre o tema; analisa as peculiaridades dos falares fronteirizos, e ao se decatar da extraordinária vitalidade dun sistema fonético con seis sibilantes e da invulgar sonoridade do idioma (xa perdidos no galego contemporáneo) chega á conclusión de que o que lle pareceran influéncias recíprocas pola proximidade xeográfica non eran máis que a pervivéncia arcaica dun idioma galego baixo-medieval, conformado antes do nascimento do Condado Portucalense, e que se mantivo sen grandes alterazóns, talvez polo illamento xeográfico do Val do Límia.
Partillamos unha comparazón de dous documentos televisivos, coa língua galega falada e mellor preservada na Galiza (co sistema fonético con seis sibilantes) , unha no estado español (Mazaricos) e outra no estado portugués (Paredes de Coura)
En 1927, o investigador alemao Fritz Krüger, catedrático de Línguas Románicas da Universidade de Hamburgo, publica na Alemaña o libro «Die Nordwestspanische Volkskultur». Considerado como o máis insigne hispanista na história da cultura xermánica, e profundo coñecedor da obra de Leite de Vasconcellos, coñecia as particularidades do galego da zona. Ao examinar o libro, e surprenden as moitas veces en que aparece o nome de Lobeira, xunto con Lóbios, Bande, Güin, A Forxa, Ferreiros… Krüger confirmou as suspeitas de Vasconcelos; a unidade dialetal (e o arcaísmo) do sul da Galiza e do norte de Portugal son evidentes, sen mais matices que a aculturazón imposada por duas administrazóns políticas diferentes. Asi pois, Krüger encomenda un estudo mais profundo e pormenorizado a un dos seus discípulos prediletos no laboratório lingüístico de Hamburgo, Hans-Karl Schneider.
«O território estudado é moito mais amplo, extende-se desde Asturies ao Miño e Trás-Os-Montes; chegou pois o momento de abranger áreas maiores das inexploradas províncias galegas e do Norte de Portugal, para adquirir unha visión completa e estabelecer unha base capaz de sustentar as conclusións xerais»
«A sua língua, os seus costumes, son unha heranza própria deste país, que é de interese e deve ser cultivado en primeiro lugar polos próprios galegos»
Fritz Krüger
QUEN ERA REALMENTE SCHNEIDER?
Hans-Karl Schneider nasce en Hamburgo en 1912. Estuda filoloxia hispánica e francesa nas universidades de Kiel e Hamburgo. Fai parte logo do Seminário de Línguas Románicas da Universidade de Hamburgo, dirixido polo catedrático Fritz Krüger. Licencia-se con apenas vinte anos nas duas carreiras, e cun expediente académico notável, é destinado á Universidade de Múrcia como Leitor de Alemao. En Agosto de 1933, cunha bolsa de estudos do Seminário, é enviado por Krüger ao Val do Límia, para realizar un estudo en profundidade do idioma galego daquela zona. En Compostela foi recebido con todas as honras por Xesus Carro Garcia e Florentino L. Cuevillas, membros do Seminário de Estudos Galegos, que recebiran a pertinente notificazón da visita. Vicente Risco, profundo admirador do universo indo-xermánico, mantiña de hai tempo fortes vencellos intelectuais coa Escola de Hamburgo e moi especialmente con Fritz Krüger. Aproveitan as férias da família de Xoaquín Lorenzo en Facós (Lobeira) para solventar o difícil tema da hospedaxe. Comeza de contado a elaborar o seu magno traballo de investigazón sociolingüística (futura tese de doutoramento), axudado en todo momento por Lorenzo e por José Guzman, daquela párroco de Entrimo, home con inquedanzas e erudizón invulgares. Acompaña a Lorenzo e Cuevillas nas suas expedizóns científicas á Serra do Laboreiro. Ao pouco, Schneider vai sucumbindo ao fascínio da vida campesiña. Pasea cumpridamente pola comarca. Fala en todo o momento e de todo o tipo de temas cos paisanos. O feitizo das terras de Lobeira, cunha cultura arcaizante e antropoloxicamente «incontaminada» obriga a Schneider, que achava posível rematar o seu traballo nun mes, a se formular unha segunda visita.
En Decembro de 1933 volta a Lobeira. Anton Fráguas relata os pormenores da cea de Natal dese ano. É famoso o simpático episódio que aconteceu cando os mozos de Facós, ao iren cantar os Reis aos Lorenzo e convidados, ficaron mudos cando o «señorito alemán» lles respondeu cunha estrofa improvisada in situ, demostrando o domínio dunha língua que mal levava a estudar seis meses. Os mozos cantaron isto:
Nos dias da miña vida
Xa vin un cacho de pan
Que por moitos anos viva
O señorito alemán!
Eis a resposta de Schneider entre a admirazón dos presentes:
Nos dias da miña vida
Xa pasei por unha feira
Que por moitos anos viva
A xentiña de Lobeira!
En 1935 publica en «A Nosa Terra» o artigo «O galego ¿idioma agonizante e próisimo a desaparecer?», que reflicte, á parte do cada vez maior compromiso do alemao co galeguismo, os anceios do autor pola normalizazón da língua. Explica polo miúdo o método seguido na sua investigazón lingüística en Lobeira, baseado nun cuestionário de perguntas aos habitantes da zona, en que o tema fulcral non é apenas a forma das palabras ou a sua transcripzón fonética, senon un facto determinante, a «invasión» de castelanismos; mesmo mostra unha estatística percentual deste fenómeno. Surprende-lle a vitalidade do idioma, sen parangón nas línguas e dialetos do resto do estado.
En 1937 doutora-se na universidade de Hamburgo co estudo feito en Lobeira en 1933. O título definitivo será «Studien zum Galizischen des Limiabeckens (Orense-Spanien): Lautlehre, Formenlehre, Vokabular». A versión oficial e definitiva será publicada en 1938 na revista científica de Hamburgo «Volkstum und Kultur der Romanen». Nese ano, e por causa do seu (cada vez maior) interese polo portugués, obtén na Universidade de Coimbra o título de profesor facultado para o ensino do portugués no estranxeiro. Publica en Hamburgo o traballo de Lorenzo sobre o carro de vacas «Die Brense und Galizischen Wagen».
Xa diplomado, comeza a traxetória profisional de Schneider no campo do ensino. Consegue o posto de Leitor de Castelán e Portugués na universidade de Kiel. Mais logo comeza a guerra, sendo destinado á seczón de intérpretes do Oberkommando der Wehrmacht (OKW), onde foi profesor de castelán e portugués. E mesmo en plena guerra, volta traducir e publicar en Hamburgo, en 1943, outro traballo de Xoaquín Lorenzo, desta vez sobor a casa aldeá do Val do Límia «Das bauernhaus in unterem limiabecken» tamén inédito na Galiza, con maravillosas fotografias da comarca, algunhas delas tiradas cando el estivo en Lobeira.
Mais os terríbeis acontecimentos nos que encrucillaron á Alemaña obrigan a Schneider a seren mobilizado. O bombardeamento aliado de Hamburgo, en que a universidade ficou case totalmente destruída, resultou unha auténtica desfeita humana e cultural. O Seminário de Línguas Románicas foi disolto. O decano e chefe do departamento, Fritz Krüger, na mira das autoridades británicas de ocupazón, e baixo suspeita de simpatia co nacionalsocialismo, tivo de exiliarse na Arxentina, onde morrerá en 1974. Porén, Schneider consegue o posto de profesor de castelán en Hamburgo. Comeza unha real travesia no deserto para os mestres alemáns, cunhas relazóns nulas coas universidades estranxeiras, rota parcialmente pola visita de Ortega y Gasset en 1949. Schneider, xa no 1951, é porfin nomeado catedrático adxunto de língua e literatura hispánicas do Instituto Iberoamericano de Investigazóns Científicas de Hamburgo. En 1960 é condecorado polo goberno español coa Orden del Mérito Civil, co rango de Comendador. En ese mesmo ano, Joseph Piël, o inesquecível lexicógrafo alemao, nun congreso mundial de especialistas en línguas románicas, afirma que o estudo de Schneider é na altura, a mellor recensión coñecida sobor unha forma dialetal da língua galega.
En 1971, despois de moitos anos sen outra relazón fora da epistolar con X. Lorenzo, volta á Galiza, onde se produce un emotivo reencontro entre ambos os eruditos, após trinta anos de separazón. Algúns da vella garda da Xerazón Nós comprimenta Schneider. Ricardo Carvalho Calero, Fermin Bouza Brey, Anton Fráguas Fráguas, Xosé Filgueira Valverde, Ramon Martínez López… A toma de conciéncia da magnitude do traballo de Schneider para o galeguismo fai que sexa condecorado ese ano co Pergameo de Honra do Pedrón de Ouro. Nos últimos anos da sua vida académica especializa-se en língua catalana. En 1976, publica várias recensións sobor a Grande Enciclopedia Galega, o Caderno de Estudos Galegos e as revistas Grial e Verba. En 1991, a Universidade de Hamburgo réndelle unha homenaxe multitudinária, convocada por José María Navarro, profesor de castelán en Bremen e un dos amigos mais fieis, que xa ocupa un lugar prominente na história do no galeguismo e na memória colectiva das terras de Lobeira.
SIGNIFICADO DA VISITA DE SCHNEIDER
Non é fácil responder a pregunta sobre os motivos da visita de Schneider a Lobeira, se cadra o mais sinxelo seria dicer que foi por encargo do seu mestre Fritz Krüger. A intelectualidade alemá, protexida polo estado, adicou-se desde tempos imemoriais a percorrer todo o planeta para facer unha espécie de mapa-mundi cultural que abranguese todas as facetas do saber humano. Basicamente interesado pola cultura popular, o mundo xermánico sempre estivo fascinado polo «unbekannte», que aqui traducimos por «misterioso» ou «descoñecido». No caso da Galiza, as zonas escolleitas pola escola de Hamburgo foron Lobeira, Os Ancares e Fisterra. Ao mesmo tempo, expedizóns alemás procuravan as exactas raíces en zonas tan afastadas da Alemaña como o Tíbet, a Síria, o Exipto, a Índia, a Cerdeña… No caso que nos ocupa é evidente que Schneider foi o encarregado de estudar a surprendente pervivéncia dun idioma a partir do cal evoluiu con posterioridade a língua galega. Esta língua permaneceu de xeito incrível case inalterado no Val do Límia, como unha auténtica cápsula do espazo e do tempo, talvez polas suas características xeográficas de zona montuosa e illada, lonxe das grandes vilas e mesmo até hai poucos anos moi mal comunicada. Schneider observa fascinado como, sobre todo en Lóbios e Entrimo, o dialeto case se non ve alterado por castelanismos. Estrana-se polo esforzo dos labregos en responder o seu cuestionário en «castelán», ou da incomprensión para os seus propósitos. Fala das dificultades ocasionadas polo mal estado dos camiños, a falta de meios de transporte, ou mesmo a negativa dos lobeirenses a lle alugar un cavalo para se desprazar. No Nadal de 1933-1934, o durísimo inverno impediu-lle rematar o seu libro tal e como ele quixera… Todo isto esixe unha traduzón e reedizón do seu traballo, así como un estudo pormenorizado da sua presenza entre nós. Esperamos que os nosos dean a importáncia que merece a sua figura, até hoxe, inexplicavelmente un perfeito descoñecido.